top of page

Bio

Carmen Penim é filla da emigración, herdeira de mulleres arraianas fortes e determinadas. Compositora fecunda e heterodoxa, non cre nos límites entre xéneros e presenta variadas influencias dende a canción tradicional ao jazz, pasando pola música culta, sacra e sefardí e diferentes sons do mundo.

Por este eclecticismo, pode ser difícil encadrala, pero isto tamén fai dos seus concertos unha experiencia vibrante e única. A súa voz, doce e potente, fúndese coa calidade da súa interpretación con cancións que versan sobre a poesía, a muller, a natureza e a cultura galega.

Carmen Penim: "A arte é, ante todo, comunicación e entrega e, por suposto, compromiso, artístico pero especialmente social para facer unha sociedade mellor."

Carmen_Penim.jpg

Licenciada en Filoloxía Hispánica e Doutorada en Educación, canta e escribe desde que ten memoria, de forma autodidacta. Xa na súa madurez, estudou canto jazz e canto lírico en Turín (Italia).
Forma parte do programa Referentes Galegas, da Asociación de Executivas de Galicia e foi nomeada Xuíza Honoraria do Couto Mixto no 2016 pola súa defensa do patrimonio inmaterial galego-portugués. As súas obras literarias e artísticas foron incluídas na Sala de Escritores da Limia no Museo Etnolóxico da Limia. 

​​

​​

2naFronteira: "A arte fai máis ricas ás persoas. É todo un privilexio poder compartir o que facemos. O noso amor polo público é incondicional e sincero."

2naFronteira.jpg

Carmen Penim e Maurizio Polsinelli comparten a música e a vida dende 2008 como dúo artístico. Grazas ao seu gusto pola poesía, descobren un universo en común rico en mesturas: a música clásica e o rock progresivo do italiano e o canto tradicional e o jazz da galega.

Xuntos, editan catro álbums baixo o selo discográfico de 2naFronteira, malia que Maurizio tamén acompaña a Carmen nos seus proxectos en solitario. A partir de 2013, cando se establecen en Galicia, os seus traballos en conxunto contan co apoio das institucións galegas.

bottom of page